O Castelo


O castelo de Pambre aséntase sobre un macizo rochoso na marxe esquerda do río Pambre case na desembocadura deste no Ulla, no Concello de Palas de Rei, en terras da Comarca da  Ulloa. Declarado B.I.C., é unha das mostras de arquitectura militar máis importantes que existen en Galicia.

Foi mandado construír polo nobre galego Don Gonzalo Ozores de Ulloa na segunda metade do século XIV (cara a 1375 segundo algúns estudosos). Foi un dos poucos que quedou en pé despois das Revoltas dos Irmandiños (1431/1467).

Está formado por catro torres unidas por unha muralla de pedra delimitando un rectángulo de aproximadamente cen por sesenta metros, no centro do cal se sitúa a torre da homenaxe (tódalas torres son de planta cuadrangular). A entrada principal co escudo da familia dos Ulloa na doela central está no Sueste.

Se conseguimos entrar penetramos nun primeiro gran patio no cal destaca a casa de labranza, un gran hórreo e a capela románica do século XII (anterior á construción do castelo). Ó segundo recinto, o da torre de homenaxe, chégase cruzando unha porta gótica de forma oxival lanceolada. Outros elementos de interese artístico son as seteiras para a defensa estendidas por toda a muralla e os canciños das partes superiores das torres, de influencia árabe.

Fronte ó castelo na outra marxe do río sitúase o Castro de Remonde; tamén nos arredores temos que destacar o “Muíño do Santo do Vilariño” e o “Muíño de Henrique”, e unha ponte de dous arcos localizada entre os dous, exemplos de arquitectura medieval da zona, sen esquecer a “Planta da Luz do Coello” que nos anos sesenta introduciu a electricidade na zona.