Mesa redonda


“UN FUTURO PARA O CASTELO DE PAMBRE”
A Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla e a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos”, ao igual que outras asociacións e veciños de Palas de Rei e da Ulloa, amósamos desde fai anos a nosa preocupación polo patrimonio cultural da Comarca da Ulloa, sendo un dos seus referentes o Castelo de Pambre. O paso a mans públicas deste ben de interese cultural abre as portas a unha intervención no mesmo e á recuperación deste con vistas a darlle unha finalidade, unha razón de ser e un sentido social máis alén da propia conservación da súa arquitectura.

Desde as nosas entidades pensamos que o futuro do Castelo de Pambre pasa por un debate democrático no cal non sómente participen as institucións públicas, senón tamén os veciños, asociacións e cidadáns que queiran dar a súa visión ou idea sobre o que se debe facer con este espazo patrimonial. E aínda que as decisións finais sobre o seu futuro corresponden aos decisores políticos, creemos que estas deben contar cos desexos e necesidades sociais da cidadanía galega.

É por iso que organizamos unha mesa redonda para falar sobre esta cuestión. A nosa intención é que esta se celebre na Casa da Cultura de Palas de Rei o vindeiro sábado 2 de xullo entre 18.00 h e as 20.00 h. Queremos que esta sexa un dialogo de sociedades, na que participen algúns representantes públicos e sociais que animen os diálogos e os debates e a participación dos asistentes.

VINDE TODOS DAR AS VOSAS IDEAS E PROPOSTAS, UN DIALOGO PARA ACADAR O MELLOR FUTURO PARA O CASTELO DE PAMBRE.
NOTA:
Coas ideas e comentarios desta xuntanza elaboraremos un informe que remitiremos tanto ao Concello de Palas de Rei como á Xunta de Galicia.

ORGANIZAN:
Plataforma social pola defensa do Alto Ulla
Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas "Os Lobos"